Saturday 04 de May de 2024

A carballeira de Santa Minia acollerá a segunda edición da Feira Labrega este domingo 22 de setembro


 

Está aberta á participación de veciños/as da comarca con postos de artesanía ou produtos caseiros, que deberán anotarse no 981 50 99 08

A carballeira de Santa Minia acollerá o próximo domingo 22 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, a segunda edición da Feira Labrega. Organizada polo Concello de Brión e “Daquí Darredor, espazos colaborativos de transformación dos alimentos caseiros”, estará aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Brión e da contorna que desexen participar con postos de artesanía ou de venda de produtos caseiros, que deberán anotarse na Casa da Cultura brionesa ou chamando ao 981 50 99 08.

“Teremos postos de produtos agrícolas e artesáns, así como actividades paralelas, música, catas, obradoiros para a rapazada, mostra de artesáns…”, explica Carmen Freire, unha das responsables do proxecto Daquí Darredor, quen destaca que “queremos recuperar as feiras como espazos públicos nos que se relacionan os produtores e os consumidores, coñecer á persoa que produce os alimentos. Porque recuperar estas relacións é algo fundamental para esta iniciativa”, apunta Freire.

Programa

A Feira Labrega estará aberta na carballeira de Santa Minia entre as 11:00 e as 19:00 horas, conformada por unha serie de postos de produtos de alimentación e de artesanía. Durante a mañá haberá unha cata de froita de tempada e unha degustación de conservas, así como dous obradoiros: un de elaboración de conservas e o segundo de arqueloxía.

Para os máis pequenos, ás 12:00 horas terá lugar un obradoiro de monicreques a cargo de A Xanela do Maxín, que dará paso ao espectáculo “Travesías”, de Raquel Queizás, ás 13:00 horas. Dúas actuacións incluídas na programación do VI Festival Monecadas, que organizan Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión.

Ás 14:00 horas terá lugar un xantar popular no que cada persoa traerá a súa comida para compartir mesa cos presentes. Ao longo da tarde terán lugar dous novos obradoiros: un de manualidades para a rapazada e outro de elaboración de trampas para capturar velutinas. A feira finalizará cunha demostración e degustación de cociña con hortalizas frescas e en conserva.

Durante toda a xornada, a música correrá a cargo do grupo de Pandereteiras de Brión e o grupo de música tradicional O son do Pote (Tállara-Lousame). Tamén haberá cantares de cego con Francisco do Romualdo. No caaso de choiva, a feira suspenderase.